Seguindo o obxectivo de facer da conciliación e da corresponsabilidade unha realidade, especialmente para as familias das persoas socias, levamos a cabo durante os meses de xullo e agosto o Ludoconcilia Femupo, un programa lúdico-educativo para nenos e nenas de até 16 anos. Preséntase a modo de campamento rural no que se combinan actividades recreativas e educativas coa aprendizaxe na práctica cotiá de valores como a igualdade, a convivencia, a cooperación e o coidado mutuo. Así, ademais dos momentos de estudo e repaso escolar, as crianzas entran en contacto cos animais e coa natureza a través de diferentes dinámicas.
No campamento pasado tivemos a visita na Escola da Natureza A Gorriona de María Quintiana, entón Directora Xeral de Promoción da Igualdade da Xunta de Galicia, e María José Rodríguez, xefa da Unidade de Violencia contra as Mulleres da Subdelegación do Goberno en Pontevedra. A súa presenza foi un recoñecemento ao traballo pola conciliación efectiva e real, a igualdade a inclusión que promovemos cada día no que se desenvolve este proxecto e as demais accións da Federación pola Igualdade das Mulleres da Provincia de Pontevedra.
Porque ademais de facilitar o equilibrio entre a vida laboral e familiar para as persoas adultas, dende Femupo temos presente que as nenas, nenos e adolescentes teñen dereito a crecer en espazos seguros, libres de estereotipos e cheos de oportunidades. Se falamos de coidar á infancia e adolescencia, loitar pola igualdade de xénero e a liberdade das mulleres hoxe significa coidar das nenas e nenos en presente e futuro.
Moitas grazas a todas as familias que confiades en Femupo e na equipa que está detrás e moitas grazas ao apoio das entidades que impulsan este tipo de programas.
MATERIAIS DIDÁCTICOS
En Ludoconcilia Femupo mantemos o noso compromiso constante coa prevención e a educación dende a base, incluíndo non so aos nenos e nenas que desfrutan do campamento de verán senón a todas as familias e demais persoas que nos acompañades. Por iso creamos diferentes recursos e materiais didácticos de elaboración propia en formato dixital, porque a corresponsabilidade tamén precisa de coñecementos e planificación. Estas ferramentas están á túa disposición de xeito totalmente gratuíto para servir de apoio no camiño cara unha vida onde as responsabilidades se repartan de xeito equitativo.
Podes descargar os materiais na versión de uso dixital ou en calidade de impresión de forma totalmene gratuíta para colocalos na túa aula, asociación, na casa ou en calquera espazo no que seguir fomentando a corresponsabilidade de forma conxunta. Utilizar os nosos contidos non ten ningún custo, pero non esquezas manter os logos e mencionar a @femupo e @corresponsables_femupo na túa publicación para visibilizar o traballo e dar recoñecemento a unha labor aínda relegada a un segundo plano.
FORMACIÓNS
Unha das liñas de traballo do Ludoconcilia Femupo consiste nun programa de formación e sensibilización en materia de corresponsabilidade, coidados e usos do tempo, dirixido prioritariamente a homes pertencentes ás Forzas Armadas e ás Forzas e Corpos de Seguridade do Estado, colectivos cunha elevada capacidade de influencia social.
Dende a federación levámolo á realidade a través dunha aula virtual onde permanecen os contidos do curso durante o tempo de realización así como a proba final, asegurando flexibilidade e accesibilidade. O temario combina aprendizaxe teórica e práctica xunto con recursos e exemplos cotiás adaptados á realidade de cada agrupación. Ademais das 8 horas de formación a distancia, achegámonos ao espazo físico das entidades participantes para dar unha sesión presencial de 2 horas na que se abre un espazo para a reflexión e o debate conxunto.
En novembro do pasado ano 2025 colaboramos coa Brilat no impulso cara un cambio real. Construímos camiño coa aprendizaxe, a conversa e acción compartida. Grazas por participar no debate, constribuír coas vosas inquedanzas e poñer sobre a mesa preguntas e reflexións imprescindibles.
Este ano 2026 estamos a desenvolver dez formacións dirixidas ás agrupacións e a todo o persoal vinculado á Protección Civil da provincia de Pontevedra para consolidar unha resposta efectiva por parte de todos os axentes sociais responsables do cambio cara sociedades igualitarias. Ademais, traballar a corresponsabilidade e a conciliación crea equipas de traballo máis sólidas e comprometidas.