DECÁLOGO DA CORRESPONSABILIDADE


1. Reparte as tarefas nos espazos de convivencia

Non so na familia, senón tamén no traballo, co/as compas de piso, no círculo de amizades, no teu grupo de activismo ou de ocio... é importante que as responsabilidades queden repartidas de xeito equilibrado segundo as circunstancias e as necesidades específicas de todas as persoas integrantes.

2. Ten en conta o contexto e as necesidades

Cada realidade presenta unhas características específicas e unha mesma persoa ten diferentes necesidades ao longo da súa vida. O reparto non ten por que ser 50%-50% como se fose unha norma ríxida, senón que se trata de integrar a corresponsabilidade como valor que guía as actuacións do día a día dende a axuda mutua, a flexibilidade e a sostibilidade no tempo.

3. Presta atención á carga mental invisible

Para que as tarefas cheguen a nomearse e poidan levarse a cabo, detrás hai un traballo de atención, planificación e previsión que adoitan realizar as mulleres: que falta na neveira, cando é o mellor día para facer a compra, que pratos se van a cociñar, cando son as datas sinaladas, que agasallo lle pode gustar a quen está de aniversario, que actividades extraescolares tocan hoxe...


4. Lembra o plano afectivo e emocional

Para a corresponsabilidade real, a atención e o acompañamento emocional ás persoas das nosas comunidades, familias, veciñanza e contornas máis próximas tamén ha de sosterse en equilibrio entre homes e mulleres como unha responsabilidade humana e colectiva.


5. Aplica a perspectiva de xénero interseccional

Este tipo de programas e campañas existen porque as mulleres veñen sostendo ose coidados de xeito desproporcionado ao longo da historia, xerando desigualdades materiais e simbólicas na súa vida profesional, laboral e persoal. Como sociedade, temos a obriga de mudar esta situación e un importante deber de reparación, sen esquecer que a mirada ha de ser tamén interseccional.


6. Cuestiona os estereotipos de xénero e rota tarefas

Evita caer nos roles sexistas onde a muller se encarga de facer a comida e o home de cambiar as bombillas. Alternade as responsabilidades, polo menos ao principio, para probar que se adapta mellor a cada persoa ata que todo vaia saíndo dunha forma máis natural e espontánea e aprendades da experiencia que é o que vos funciona.


7. Coida a comunicación constante e a escoita activa

Organiza xuntanzas periodicas para intercambiar opinións e perspectivas sobre os aspectos relevantes que poidan entorpecer unha corresponsabilidade sa e asertiva para facer as modificacións oportunas. As responsabilidades non teñen por que ser agradables, pero é importante adaptar as tarefas á persoa ou grupo -na medida do posible- e non á inversa.


8. Infórmate, sensibilízate e fórmate

Para que unha acción sexa máis fluída e non se converta nunha obriga sen sentido, un dos puntos esenciais é comprender por que se realiza, de onde nace esa necesidade, que implica e cal é o seu impacto a nivel colectivo. A aprendizaxe experiencial é imprescindible, pero contar con formación e información que acompañen o proceso e respalden o que facemos é de grande axuda.

9. Utiliza ferramentas de apoio

Un calendario de neveira, formatos dixitais como GoogleCalendar ou “gamificacións” para as crianzas son de grande utilidade para fomentar o reparto de responsabilidades e manter os acordos.

10. Toma acción de xeito activo

Parece evidente, pero non esperes de xeito pasivo a que che sinalen que tarefa che corresponde ou cales son as actividades pendentes nun entorno determinado: observa, analiza e toma nota de forma activa para unha posta en común na que, de novo, o traballo invisible de anticipación non recaia nas mesmas persoas.