O fío que nos une, podcast de Femupo, actúa como un lugar de encontro no que se ofrecen contidos dixitais vinculados ás violencias de xénero e o feminismo a través de entrevistas e faladoiros que invitan á reflexión e á toma de conciencia sobre as realidades que se poñen sobre a mesa.
Creamos este espazo no que recoñecernos, aprender as unhas das outras e seguir crecendo xuntas mentres conversamos sobre a igualdade, compartimos perspectivas e propias vivencias. As nosas primeiras entrevistadas, Noelia Míguez (autora de Ocho señales) e Alba Franco, sobreviviron a relacións de maltrato, de violencia de xénero, e ábrense nun exercicio de valentía, confianza e compromiso coa visibilización para testemuñar en primeira persoa estas realidades. No terceiro capítulo, Ana Olga fálanos do seu papel como traballadora do CEMVI e, para rematar, Alba e Andrea achégannos as súas perspectivas como mulleres mozas e formadas en igualdade de xénero coa presidenta da federación, Raquel Touriño, como moderadora.
Temos tanto que dicir e tan poucas palestras nas que facelo que este tipo de proxectos vólvense imprescindibles. A través das nosas voces, tecemos ese fío vermello que nos une.
Desenvólvese grazas ao Convenio Mulleres en Construción, unha estrutura global que abrangue varias accións de loita contra as violencias machistas, sendo un dos piares fundamentais da federación. Articula unha rede integral de prevención, formación e atención onde se abordan este tipo de violencias e situacións dende múltiples perspectivas complementarias e interseccionais.