Femupo Preto de Ti ofrece servizos gratuítos de prevención de violencia de xénero en centros educativos e outros coeducativos, proporcionando formación específica ao alumnado e profesorado.
As diferentes actividades comparten a reflexión conxunta sobre o impacto das violencias de xénero na vida real e sobre todo da violencia psicolóxica á hora de acompañar ás rapazas e mulleres que se atopan en situacións de maltrato, lembrando que debemos estar aí para elas e visibilizando os recursos de apoio e axuda.
Non hai mellor prevención que a educación temperá e precisamos dunha resposta coordinada, integral e transversal dende todos os sectores como axentes sociais responsables da transformación cara contornas realmente seguras e igualitarias, sendo esenciais os espazos educativos.
AS ACTIVIDADES
CONSTRUÍNDO RELACIÓNS AFECTIVO-SEXUAIS para a prevención da violencia de xénero
Analizando as conversas ficticias de Marta e Martín o alumnado detecta sinais de alerta, le as emocións que se esconden detrás das palabras e participa de forma activa nas dinámicas pasando por temas como os mitos do amor romántico, o consentimento sexual, red flags e green flags mentres debatimos de forma conxunta como sería unha relación que nos xere benestar. Tanto os coñecementos como as interaccións estarán sempre adaptadas á idade e ao público destinatario e á idade.
OBXECTIVO XERAL
Dotar ao alumnado de ferramentas para identificar, construír e manter vínculos e interaccións sas, seguras e respectuosas para a prevención da violencia de xénero.
DESMONTANDO BULOS para a prevención da violencia de xénero
Dende unha posición crítica, reflexiva e baseada na evidencia, achegámonos á realidade que se esconde tras os bulos misóxinos sobre as denuncias falsas, presunción de inocencia e discriminación masculina. Vinculando a teoría e as estatísticas á experiencia cotiá, o alumnado afonda sobre o control psicolóxico, descubre as consecuencias dos bulos na vida real das mulleres e adquire un itinerario básico para detectar falacias e desinformacións.
OBXECTIVO XERAL
Dotar ao alumnado de ferramentas para distinguir discursos fiables e desmontar bulos sobre a igualdade de xénero a fin de reforzar a prevención da violencia de xénero.
RECURSOS DE AXUDA
Femupo Preto de Ti desenvólvese grazas ao Convenio Mulleres en Construción, unha estrutura global que abrangue varias accións de loita contra as violencias machistas, sendo un dos piares fundamentais da federación. Articula unha rede integral de prevención, formación e atención onde se abordan este tipo de violencias e situacións dende múltiples perspectivas complementarias e interseccionais.