A través do Proxecto Panacea Femupo ofrece atención especializada xurídica e psicolóxica ás mulleres que sofren violencias machistas para abordar as súas necesidades de forma integral.
Panacea significa “a que todo o cura”, e ese é o espírito que guía este servizo integral de atención a vítimas de violencia de xénero co obxectivo de crear un espazo seguro onde recuperar o benestar emocional, a autoestima e devolverlles o dereito a vivir sen medos. Por iso, en agosto do pasado ano 2025, demos un paso máis -tamén da amizade ao compromiso oficial-, e asinamos un convenio con Ana Rodríguez, avogada no CIM de Mos, para que asesore xuridicamente a todas as mulleres que o soliciten.
Desenvólvese grazas ao Convenio Mulleres en Construción, unha estrutura global que abrangue varias accións de loita contra as violencias machistas, sendo un dos piares fundamentais da federación. Articula unha rede integral de prevención, formación e atención onde se abordan este tipo de violencias e situacións dende múltiples perspectivas complementarias e interseccionais.