Femupocontigo, como din as nosas usuarias, é máis que un programa de acompañamento e apoio individualizado: é un espazo no que levamos dende o ano 2024 poñendo corazón, tempo e profesionalidade, pensado para acompañar a mulleres en situación de desemprego ou especial vulnerabilidade dentro dun itinerario personalizado para cada unha delas. Acompañamos activamente paso a paso, sen xuízos, coa mirada posta na autonomía e recuperación de todas e cada unha das que se achegan xa non so a esta iniciativa senón á nosa oficina, ao noso teléfono, ao noso mail... a Femupo. Porque Femupo está contigo, nós estamos contigo.
A igualdade non se constrúe so con palabras, senón tamén con accións de impacto real, por iso agradecemos a confianza e o compromiso de todas as persoas e entidades implicadas que coa súa colaboración e participación presente fan posible que Femupocontigo marque un antes e un despois para moitas persoas.
FEMUPOCONTIGO 2026-2027
Coa volta ao cole volve a nova edición do programa Femupocontigo, aberta dende o día 1 de setembro para todas aquelas mulleres da provincia de Pontevedra que desexen mellorar a súa empregabilidade, recibir un acompañamento individualizado ou se atopen nunha situación de vulnerabilidade.
Ponte en contacto con nós se precisas máis información ou tes algunha dúbida sobre o desenvolvemento desta iniciativa sen ningún tipo de compromiso.
Lembra que se trata dun recurso totalmente gratuíto no que se respectará a túa confidencialidade.
Inscríbete directamente no programa pinchando no botón inferior.
No ano 2024, en so seis meses de Femupocontigo 34 mulleres foron destinatarias desta oportunidade para a mellora da integración social e laboral: sesións individualizadas, avaliación de habilidades, desenvolvemento de plans de acción personalizados, formación para a elaboración de currículos e preparación para as entrevistas de traballo. Ademais, dende a equipa de Femupo apoiamos a aquelas interesadas no autoemprego coa creación de plans de negocio.
No ano 2025, grazas a Femupocontigo máis de 40 mulleres participaron activamente neste proxecto e accederon de forma gratuíta a itinerarios individualizados de inserción laboral, beneficiáronse da mellora das súas capacidades sociais e profesionais e recibiron apoio directo na xestión de recursos sociais e no contacto con diferentes entidades e organismos.
No ano 2026, oito das 30 mulleres participantes incorporáronse ao mercado laboral cun emprego estable, o cal supón que o 26,7% das destinatarias conseguiu unha inserción sólida. Son resultados que amosan o impacto de desenvolver programas con enfoque integral, atención personalizada e estratexias eficaces pensadas para o futuro das mulleres que o precisan.