PREMIOS MULLERES FEMUPO
Recoñecendo a forza que sostén o mundo
Recoñecendo a forza que sostén o mundo
Os Premios Mulleres Femupo nacen no ano 2022 para visibilizar, recoñecer e agradecer o traballo incansable de tantas mulleres e entidades que, dende distintos eidos, impulsan a igualdade real na provincia de Pontevedra. Cada edición é unha homenaxe viva a mulleres que crean, lideran, coidan, transforman, loitan e acompañan. Son mulleres que marcan camiño dende a cultura, o deporte, a administración, a empresa ou o movemento asociativo, tendo un impacto máis alá dos seus ámbitos cara o conxunto da sociedade.
Estes galardóns teñen un carácter social, comunitario e inspirador. Non son só un recoñecemento individual, senón tamén unha ferramenta para tecer rede, dar exemplo e activar referentes femininos en todos os espazos da vida. A súa entrega convértese nun encontro de sororidade, emoción e futuro compartido.
Porque sen mulleres, non hai avance. Sen referentes, non hai transformación. Sen recoñecemento, non hai memoria. E que as protagonistas sexan rapazas e mulleres próximas, a nivel xeográfico pero tamén no modo de vida, axuda a que eses ideais sexan máis accesibles e adaptables ás nosas contornas principalmente rurais e coas súas características específicas, aumentando así o impacto.
Nesta última edición, celebrada o 11 de abril deste 2026 na Finca Batacos de Salcedo, obtiveron recoñecemento As Colareiras do Grove (cultura), as Veteranas do Vila de Cangas (deporte), o CIM da Lama (administración), Fresas Touceda (empresa) e Albor Mulleres Rurais de Valga (asociacionismo).