O Proxecto Ás é un programa de formación gratuíta no manexo de drons para 16 mulleres da provincia que abre oportunidades en sectores emerxentes, tecnolóxicos e tradicionalmente masculinos. Tras o éxito da primeira e segunda edición, este ano 2026 levamos a cabo esta inciativa para seguir rachando a fenda de xénero. Un novo grupo de alumnas achegáronse á nosa sede en Pontevedra para preparar a parte teórica, seguida da práctica con profesionais de AESA. Nesta última clase realízase unha demostración ao aire libre e ten lugar a entrega de diplomas e drons a todas aquelas que tiveran superada a avaliación, pechando un novo capítulo no que recordamos cal é o noso propósito e recargamos pilas para seguir mobilizándonos.
PROXECTO ÁS 2026
O pasado 27 de xullo clausuramos a terceira edición do Proxecto Ás cun novo capítulo no que, ademais de formar e acompañar ás mulleres para mellorar a súa empregabilidade nun dos sectores mellor valorados, tecemos redes que non se esquecen e que sosteñen o noso traballo do día a día.
Queremos agradecervos a todas a vosa participación, o tempo e as experiencias compartidas, así como á Deputación de Pontevedra por impulsar un ano máis esta iniciativa que segue a amosar grandes resultados. En especial, a Paula Bouzós por ser parte do acto de peche e achegarse a coñecer o proxecto.
PROXECTO ÁS 2025
Segunda edición do Proxecto Ás, segundo capítulo de xuntanzas, conversas, aprendizaxes e emocións. Mila, unha das alumnas do grupo de 2025 comparténos a súa experiencia coa formación de drons no primeiro vídeo e un ano máis, alén das palabras adicadas, as miradas de todas elas dannos folgos para avanzar.
Este foi un peche de ilusións e sorrisos, pero no que non esquecemos que a iniciativa existe porque non temos as mesmas oportunidades de estar aí, de formarnos e poder acceder aos recursos e ao mundo laboral en igualdade de condicións.
Moitas grazas á Deputación de Pontevedra e a Sandra Bastos por acompañarnos nesta última clase do Proxecto Ás e, sobre todo, a todas as alumnas que o fixéchedes posible e apostades polo voso futuro. Parabéns!
PROXECTO ÁS 2024
No primeiro ano do Proxecto Ás, non só as alumnas estaban cheas de ilusión senón que dende Femupo tamén sentimos a ilusión de ver que as nosas accións se aliñan co que as mulleres da provincia demandan e precisan. Por suposto, a emoción mantense en cada edición, pero mellor que volo conten elas mesmas...
Moitas gracias e moitos parabéns a todas vós pola implicación, o compromiso e as experiencias compartidas. Para Femupo, o Proxecto Ás tamén deixa unha pegada significativa no camiño, que nos lembra a cada paso por que facemos o que facemos e nos motiva a seguir adiante.
Agradecemos á Deputación de Pontevedra por apostar por Femupo dende o principio, a Sandra Bastos e ao presidente Luis López pola confianza e colaboración con este proxecto que, como vedes, ten un grande impacto na vida de cada unha das mulleres que participaron e no conxunto da sociedade.