Mulleres que fan Camiño nace como unha iniciativa de dinamización xacobea itinerante, educativa e social que visibiliza o talento feminino galego a través das mulleres recoñecidas nos Premios Mulleres Femupo nas súas cinco edicións (2022–2026).
QUE É E COMO FUNCIONA?
Trátase dunha experiencia participativa e transformadora arredor dos referentes femininos no Camiño de Santiago, desenvolta en dez concellos da provincia de Pontevedra vinculados ao Camiño Portugués e á súa variante pola Costa. Cada semana, dende agosto a setembro, realízanse accións integrais en cada territorio combinando exposición, talleres e acceso a contidos dixitais mediante códigos qr.
A QUEN VAI DIRIXIDO?
O proxecto diríxese á poboación en xeral, con especial atención á mocidade, persoas maiores e colectivos en situación de vulnerabilidade, integrando os valores do Camiño: superación, convivencia, diversidade e respecto polo medio ambiente.
Terá maior presencia nos concellos do rural, descentralizando a oferta cultural e educativa vinculada ao Xacobeo e facilitando o traballo con agrupacións de mulleres, centros sociais e casas culturais. Todas as actividades terán lugar en espazos públicos sen barreiras arquitectónicas, utilizando unha linguaxe clara e adaptada de parte do persoal cualificado. O impacto amplificaráse a través das redes sociais @femupo e mediante a cobertura local e provincial na prensa escrita e radio.
CALES SON OS SEUS EIXOS?
DESENVOLVEMENTO RURAL E INCLUSIÓN
Nas contornas rurais tamén habitan nenos, nenas e unha mocidade que se atopa máis illada das accións culturais, polo que se achegarán obradoiros ao público novo sobre referentes femininos, igualdade de oportunidades e estereotipos de xénero. Igualmente, traballaráse en colaboración con grupos como EVD, ACEESCA, persoas desempregadas, migrantes e outras en risco de exclusión social.
DINAMIZACIÓN DO CAMIÑO DE SANTIAGO
Mulleres que fan Camiño alíñase cos valores xacobeos (convivencia, diversidade, respecto polas contornas...) implicando á poboación local, reforzando o sentimento de pertenza ao territorio e xerando espazos de encontro e participación cidadá. Asimesmo, cohesiona diferentes tramos do Camiño de Santiago cara ao Xacobeo 2027, integrando concellos rurais e urbanos e zonas de costa e interior.
CALIDADE DAS ACCIÓNS
Este proxecto inclúe unha proposta multidisciplinar que aúna cultura (exposición itinerante e patrimonio humano), educación (obradoiros formativos e participativos), igualdade (estereotipos de xénero) e territorio (vínculo co Camiño e coa identidade local e colectiva).
Para coidar a calidade ademais dos contidos, coidaráse a accesibilidade arquitectónica e dixital, reduciráse o impacto no medioambiente, utilizaráse a lingua galega e levaráse a cabo dende un enfoque de xénero.
TALLER INFANTIL
Coas actividades deste obradoiro, as nenas e nenos coñecen diferentes referentes da provincia, descubren a importancia de contar cos seus propios exemplos femininos e aprenden que coidar o Camiño implica coidar das contornas.
Na primeira parte presentamos ás premiadas de todas as edicións a través dunha exposición dinámica e visual, contando as súas historias para explicar como contribuíron ao desenvolvemento das súas comunidades. Reflexionamos en conxunto sobre o que significa ser referente, por que é importante recoñecer o seu traballo e que outras mulleres do noso carón deberían ter máis visibilidade pola pegada que deixan no día a día.
Cada nena e cada neno escriben na súa cuncha do Camiño de Santiago o nome da referente persoal que elixan xunto cunha palabra ou frase curta, para logo depositala nunha urna común. Así, ademais de lembrar que todas temos preto a mulleres que nos inspiran, nomeámolas nun exercicio de recoñecemento.
Para poñer a proba a atención durante a exposición e a capacidade de asociación, nesta dinámica han de relacionar as imaxes co nome de cada muller/agrupación ou coa categoría á que pertencen (cultura, empresa, asociacionismo...). Deste xeito, percíbese de forma visual como as figuras femininas están presentes en diferentes ámbitos.
Tras reflexionar sobre a expresión "deixar pegada", as e os participantes elaboran un mural colectivo no que plasman mediante a creatividade a esas nenas, mozas ou mulleres que admiran, máis o motivo da elección. Xuntas, crianzas e referentes, fan camiño pola igualdade a través da participación, o sentimento e a comunidade.
Seguindo os valores do Xacobeo, vincúlase a educación en igualdade coa educación medioambiental, transmitindo que tamén se deben coidar os espazos comúns para construír unha sociedade máis xusta. As nenas e nenos depositan diferentes pezas de lixo no seu correspondente contedor para protexer o Camiño de xeito lúdico.