Femupoenacción é un programa no que se realizan diferentes actividades de prevención e sensibilización sobre a submisión química, unha forma de violencia emerxente que require dunha resposta especializada e inmediata. Ten un maior impacto na mocidade, pero sobre todo nas rapazas, de aí que falemos de violencia de xénero. Aínda que pareza que estas accións se destinan principalmente a elas polos materiais que se reparten, non é un deber das nenas, mozas e mulleres estar alerta en todo momento para protexerse dunha agresión senón que se trata dunha responsabilidade colectiva na que os nenos, rapaces e homes xogan o papel decisivo: formarse, informarse e sensibilizar aos seus amigos, compañeiros e familiares para mudar ideas e comportamentos. Ademais, todas as persoas interactuamos entre nós e cómpre coidarnos as unhas ás outras, para o cal tamén se precisan coñecementos específicos. E o máis importante: a culpa nunca será da vítima por non previr a agresión, senón de quen comete a agresión.
Para traballar na liña de prevención primaria e sensibilización, os centros educativos e outros espazos de coeducación vólvense esenciais. Por iso colaboramos de forma totalmente gratuíta cos institutos da provincia dentro deste programa: para falar coa mocidade e o profesorado, para repartir os folletos informativos e ferramentas contra a submisión química e para coñecer máis de preto cales son as súas experiencias reais e necesidades prácticas dentro desta problemática.
No 2025 comezamos a recoller datos cuantitativos e cualitativos -suxestións de mellora e peticións complementarias- mediante unha breve enquisa para analizar os resultados, reflexionar ao respecto e tomar accións axustadas, especializadas e efectivas. As estatísticas (dereita) da mostra do alumnado de Pontevedra coinciden coas cifras estatais, o cal debería darnos un toque de atención tanto ás entidades adicadas a combater as violencias de xénero como a todas as persoas e organismos, sendo axentes sociais responsables e imprescindibles para o cambio conxunto. Ademais, a maioría do alumado pide que se dea máis información nas aulas sobre como actuar e non entrar en pánico ante unha situación de sospeita de submisión química. Para cubrir esta demanda, ofrecemos igualmente sen ningún tipo de custo unha charla con coñecementos básicos prácticos e teóricos para as rapazas e rapaces.
Se tes algunha experiencia coa submisión química, podes cubrir aqui a enquisa de forma anónima para axudarnos a recadar máis datos sobre a realidade das nosas contornas máis próximas. Moitas grazas!
V I O L E T A
P
U
N
T
O
F
E
M
U
P
O
Ademais de achegar aos centros educativos o material preventivo e de sensibilización, Femupo tamén está presente nos espazos de ocio, onde ocorren a maioría das submisións químicas. O Punto Violeta Femupo actúa como unha zona segura á que podes achegarte para solicitar información, para pedir axuda ou para recoller de forma totalmente gratuíta o teu cubre-vasos e o teu chifre disuasorio FemuSafe. Tamén atoparás contos para as nenas e nenos con valores baseados na igualdade, folletos informativos e unha zona de xogos complementaria para todas as idades (de novo, totalmente gratuíto): xira a ruleta, atrévete coa proba e disfruta -se a superas, levas premio-. Síguenos en redes para saber onde atoparnos ou ponte en contacto connosco ou co teu concello para solicitar o punto violeta nas túas festas.
O FEMUSAFE (esquerda) é unha ferramenta de prevención ante a realidade do acoso rueiro e as violencias físicas, psicolóxicas e sexuais que sofren as rapazas e mulleres nas rúas, facilitando a acción rápida e de alto impacto sonoro que alertará a calquera persoa da contorna ademais de confundir ao agresor.
O CUBRE-VASOS (dereita) vai unido e gardado nun coleteiro elástico que podes levar contigo a todas partes. Dispón dun pequeno buraco para a palliña, adáptase ao tamaño do teu vaso e crea unha barreira física fronte á submisión química.
No 2025, durante as festas do Monte en A Guarda repartíronse os nosos cubre-vasos grazas ao stand da Asociación Transmiño (esquerda) e durante o verán chegaron até o Festival de Monegros, en Huesca (centro). Ao comezar setembro, levamos tamén os cubres ao CIM de Marín para comezar o curso ben equipadas (dereita). No ano 2024, tamén en colaboración co Centro de Información ás Mulleres de Marín, colocamos o Punto Violeta Femupo na Festa Corsaria cun claro obxectivo: garantir os espazos seguros para todas e apoiar ás rapazas e mulleres que queren desfrutar do ocio en liberdade.
Femupoenacción desenvólvese grazas ao Convenio Mulleres en Construción, unha estrutura global que abrangue varias accións de loita contra as violencias machistas, sendo un dos piares fundamentais da federación. Articula unha rede integral de prevención, formación e atención onde se abordan este tipo de violencias e situacións dende múltiples perspectivas complementarias e interseccionais.